VIAXE PERDIDO
Para ceibarme de morrer, chuchada
dun amor que me encheu de penas fondas,
no mar costeiro e bravo da Lanzada
tomei, á media noite, as nove ondas.
Collín cara a San Breixo, a pan e ágoa,
cunha vela na man todo o camiño,
e dende alí, para zarrar a mágoa,
fun a Nosa Señora do Corpiño.
Limpa estou de feitizo e de meigallo.
Quedei rexa e baril como un carballo,
san como un buxo, dura como un seixo.
Mais, si el chega onde a min xa non me movo.
Feita de cera teño que ir de novo
á Lanzada, ó Corpiño e a San Breixo.