O DOCE E FIEL NAMORADO

Ó pé dunha ventán, na estreita rúa

prisioneiro do Amor, está en axexo

dun vidral onde xoga co refrexo

da luz da alcoba de Ela a luz da lúa.

Chíscanlle os ollos as estrelas, rindo,

mais El vixía e soña impenitente,

e, pouco a pouco, as horas van caíndo

sin que o desmaio lle escureza a frente.

Non lle doi que Ela, allea ó seu arrolo,

do seu soave amor durma esquecida.

Sabe a oración dos que aman sin consolo:

«¡Señor, non troques miña triste sorte!

¡Para soñar con Ela quero a vida!

¡Si a teño de esquecer, mándame a morte!»