DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO[5]
Pra Severino N. Otero,
con vella e fonda amistade.
¡O espadeiro! ¡Asios mouros, cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo,
nos Casteles de Ouviña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristaíño nas ribeiras!
¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡A legría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!
¡O espadeiro! ¡O risolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores ledos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na cencia,
que sabían ¡ou tempos esquencidos!
canta-la misa, escorrenta-las meigas,
acoller e amparar orfos e probes,
rir coas rapazas, consella-las vellas,
darlle leito e xantar ós peligrinos,
pechar por fuero as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobra-los diesmos
e dispoñer vendimas e trasegas!
¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazáns e a rosas bravas,
quece os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e trigueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
dende as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brila ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
Cando nas mornas tardes de romaxe
vai na alombada pipa taberneira
ó souto que se estende ó pé da ermida
onde as campanas repinican ledas,
onde axordan os fogos de tres tronos
e ó son da gaita a mocedá tolea,
é a alma do galán de verba maina,
de labradora e de viril maxeza,
que o mesmo se derrete coas rapazas
que arma sin máis nin máis unha quimeria,
solta un «¡Ei, carballeira!» erguendo a moca
e facéndose atrás, e… ¡adio-la festa!
Cando o xiado inverno alonga as noites
e en santa pas, ó pé do lar, se axeitan
mozos e vellos, desbullando millo,
dándolle ó fuso ou restelando teas,
o espadeiro é o esprito do petrucio
de garimosa fala churrusqueira,
de mans de prata e lombo acorcobado,
queixo tembrón e neve nas guedellas,
que chiscando os olliños contra os mozos,
pondo ás rapazas cores nas meixelas,
sabe contar os divertidos feitos
e as antigas historias que comenzan:
«Unha ves, unha nena e mais un frade…»
«Tiña, naquel entón, un paxe a reina…»
¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño
das noites mozas! Craridá de estrelas…
O aturuxo zoando nas quebradas…
Mozos… Pandeiros… Un amor que empeza…
Arumes das carqueixas e do trevo…
De man en man, a bota carreteira…
Unha cantiga ó pé dunha ventana…
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ou, espadeiro amante! ¡Ou, roxo e quente
sangre do corazón da nosa terra!
¡Encende os corazós dos apoucados!
¡¡Prende lume nas almas, viño celta!!