VIA-CRUCIS
para CASTELAO
Galicia rube ó calvario.
Enrabiada co ceo,
sentouse nunha pedra, á beira do camiño,
cuberta astra os ollos co pardo mantelo.
É o mantelo probe
dos días de inverno;
dos días de choiva, de vento, de neve,
de fame, de enterro…
É o mantelo das penas e os pagos;
o mantelo probe, o mantelo vello
con que vai a falar co filliño que está na cadea
e darlle, ó chamado a servicio, o adiós derradeiro;
o que leva a pagar o consumo,
as oblatas, as rendas, os foros… e o demo do inferno;
o que pon cando saien os barcos
onde se van os galegos,
mar a fóra, mar a fóra,
lonxe dos nativos eidos;
o que visteu os días das tromentas
de Nebra e de Sofán —¡Trunfo do ferro!
¡Trunfo dos porcos bravos!
¡Trunfo dos homes roxos! ¡Trunfo dos homes negros!—
para ir, afogada en bágoas,
enrabiada co ceo,
detrás dunhas caixas longas,
camiño do cimiterio.
Galicia rube ó Calvario.
Non leva ás costas a cruz do Nazareno:
leva o seu mantelo probe,
leva o seu mantelo vello.
Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos.
Non prega nin pon xusticia.
É mal da alma, e mal do desespero.
* * *
Batede no corazón;
poñédevos de xoenllos
e perguntai con santo amor de fillos,
alá no fondo, alá dentro
onde resoan cristaíñas, craras,
a voz da Raza, a voz do sentimento,
a voz da nosa Terra
máis forte que a oración, que a lei, que o ferro…
decídelle á vosa sangre
¿Son chegados os tempos?